Thursday 09 de May de 2024

Pizpireta Mercería, Sport Maniotas e Pescados e Mariscos Moncha, gañadores do concurso de escaparates do Nadal na Pobra


O espírito do Nadal resistindo o Grinch, unha paisaxe nevada e decoración propia desta época elaborada con produto do mar son os tres escaparates gañadores do concurso impulsado pola Concellaría da Promoción Económica da Pobra do Caramiñal no seo da campaña Consegue Caramiñas, Comparte Nadal.
O xurado decidiu que os galardóns recaesen, polo tanto, en Pizpireta Mercería, Sport Maniotas e Pescados e Mariscos Moncha: un primeiro premio consistente na realización de 6 escaparates profesionais durante un ano a cargo dunha técnica de márketing visual; un segundo, dotado de 4; e un terceiro, con 2.
A concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo, xunto coa técnica en márketing visual, Cany Juncal, foi a encargada de face-la entrega das distincións. Con relación a isto, a edil agradece a participación dos quince establecementos que lle soltaron a renda á súa creatividade neste certame que buscaba a implicación dos negocios da localidade para incrementa-lo carácter vistoso dos espazos públicos nestas datas; unha inventiva que tamén se fixo notar nas arredor de 200 árbores e a vintena de grilandas que repartiu a Administración local para que o sector comercial e hostaleiro ornamentase ao seu gusto.